
O 29 de abril celébrase o Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións, e dende a Biblioteca Fórum Metropolitano poñemos en marcha un ciclo temático para dar visibilidade e tomar conciencia da importancia das relacións interxeracionais tanto dende un punto de vista teórico, a través de charlas de expertos, coma práctico coa realización de obradoiros nos que prime a convivencia e interacción de persoas de diferentes idades.
Interxeracional é un termo que se refire á relación entre distintas xeracións. Para que unha sociedade exista necesítase, entre outras cousas, unha conexión entre as sucesivas xeracións. Un exemplo é o concepto de familia que se apoia na solidariedade interxeracional: as persoas adultas coidamos e criamos aos nosos fillos e fillas. Sen esa relación, a sociedade extinguiríase.
Agora ben, queremos poñer o énfase no proceso á inversa e é que existen evidencias produto da investigación que demostran que o bo contacto interxeracional mellora as actitudes que as xeracións máis novas teñen cara ás persoas maiores, diminúe os estereotipos negativos asociados coa idade e tamén o sentimento de certa ansiedade que a algunhas persoas lles produce o seu propio avellentamento.
En suma, os proxectos interxeracionais son importantes porque :
- Concilian as diferenzas entre xeracións
- Aproveitan a heteroxeneidade das xeracións para xerar progreso social.
- Constrúen unha cultura de respecto pola diversidade.
Por iso, co ciclo temático «De meu, de teu, de seu» xunto a unha pequena mostra de material bibliográfico e documental no que afondar na temática das relacións interxeracionais, levaremos a cabo unha serie de actividades nas que primen as relacións entre persoas de diferentes idades co obxectivo de diminuír as barreiras de tempos, espazos, actitudes e coñecementos que, en moitos casos, separan ás distintas xeracións á hora de vivir e convivir na nosa cidade.


- Faladoiro: De cero a cen: Espazos para a relación interxeracional dentro da música tradicional.
- No noso blog de Bibliosons tivemos unha conversa con el que vos convidamos a ler

Podes escoitar a Lista de reproducción que preparamos para este Ciclo Temático no noso Spotify
E consultar a guía de lectura para ver todos os libros, películas e música que seleccionamos por se queres levar algún en préstamo
