“Opinar es un acto de indisciplina”

 

portada

Nun blog como este, adicado á lectura breve, non podiamos esquecernos dos aforismos, un xénero que parece estar vivindo un rexurdimento grazas a twitter e outros servizos de microblogging, xa que a súa forma de expresión tan condensada faino moi apropiado nestes medios.

Neste vídeo tedes unha pequena masterclass, de só 4 minutos, na que o propio autor fala desta relación entre os aforismos e twitter:

Masterclass: “Filosofía uno, cuatro, cero”, por Benjamín Pradomasterclass

A primeira referencia ao termo aforismo ven de Hipócrates, quen o empregou en referencia a unha serie de afirmacións sobre a sintomatoloxía e diagnóstico de doenzas. Posteriormente, esta forma de expresión foise estendendo a outros eidos da ciencia e xeneralizouse o seu uso.

Segundo o define o Dicionario da Real Academia Galega, un aforismo é un enunciado conciso e breve, que pode estar fixado ou non na forma e que resume un punto esencial dunha ciencia, filosofía, moral etc.

Este libro é unha escolma de textos de Benjamín Prado editada por Julio César Galán extraídos de artigos periodísticos, novelas e de textos inéditos. No epílogo, o editor reflexiona sobre estes aforismos baixo o suxestivo epígrafe de “relámpagos del pensamiento, cohetes reflexivos”. Nunha primeira achega ao concepto, ofrécenos a definición do propio Benjamín Prado “una mezcla de sugestión y observación” e a máis formal de Julio Casares: “una sentencia, breve y doctrinal que se propone como máxima”. Trátase dunha forma con forte presenza e rica tradición na nosa literatura, tanto española como galega (Castelao, por exemplo).

Estes textos suxiren tanto o mais do que din. A súa temática é moi variada, dende a ironía e o humor á reflexión filosófica pasando por outros cunha forte carga lírica, dependendo do medio expresivo onde se encadren. Amosan tamén a ideoloxía social e política do autor, nunha ética persoal que está de costas á maioría, como afirma contundente aquí:

En esta vida uno sólo puede avanzar hacia sí mismo nadando contracorriente

Benjamín Prado é un prolífico escritor de novela, ensaio e poesía que recibiu diversos premios, entre eles o Hiperión de poesía no 1995,  e a súa obra tradúcese a diversas linguas e publícase en moitos países. Algúns críticos refírense a el como mestre da metáfora.

Se lestes algunha das súas novelas, a lectura destes aforismos pode que vos lembre a Juan Urbano, alter ego do autor nacido en Mala gente que camina”, profesor e filósofo doméstico degustador da cultura chinesa e personaxe moi sentencioso.

Aquí vos propoñemos unha pequena mostra para animarvos á súa lectura:

Ningún viento devuelve las hojas a los árboles

Leer es recordar lo que no ha sucedido

Escribir es soñar y que otros lo recuerden al despertar

*

El dinero es el lenguaje del diablo

Un mercado libre es una suma de ciudadanos presos

La miseria sólo se puede multiplicar por cero

*

Empatar es repartirse la derrota

Oír un río es escribirlo al revés

La rutina es la ruina con un árbol en medio

*

Si quieres oír, escucha

Todo el mundo duda, excepto los idiotas

Ser feliz es no querer ser otro 

Para rematar, nesta breve entrevista o autor  fala da súa relación coa escritura:

http://www.youtube.com/watch?v=XCqtk2gF_5c

E se esta lectura se vos fixo demasiado curta, lembrade que nas nosas bibliotecas atoparedes mais títulos de Benjamín Prado: Catálogo

Pero, sobre todo, lembrade que

Los libros no perdonan jamás a quienes

no los han leído

Anuncios

“Se vive estrechamente si se piensa con estrechez, y de manera libre si se piensa libremente”

La filosofía explicada a mi hija. Roger-Pol Droit.Paidós, 2010

portada

Hai uns días devolvéronnos un libro todo suliñado (grññññ) e este Subtekarian que aquí escribe viuse na obriga de borrar todo iso antes de deixalo no seu sitio. E conforme ía borrando ía lendo e canto máis lía máis interesante era esta lectura. Malia que a dedicatoria salvouse do lápis, pareceume tan suxerente que quero compartila aquí:

“A todas aquellas y aquellos que se plantean cuestiones
y no se contentan con las respuestas”

Continúa no prólogo afirmando que “Filosofía es un término que suele asustar” cousa que comparto totalmente. Teño que seguir lendo. O autor di que para filosofar só precisamos de facernos preguntas e de capacidade de reflexión e que esta actividade é unha fonte de ledicia, asombro e liberdade. Deste xeito e sen me decatar, percorrín con pracer estas amenas 95 páxinas.

O propósito de Roger-Pol Droit non é outro que o de facilitar unha primeira achega a esta disciplina e para iso sérvese do recurso de presentala como unha conversa coa súa filla de 16 anos. Diríxese a un público novo, pero eu que non o son tanto tamén aproveitei moito desta breve lectura.

O libro divídese en catro capítulos que xa nos poñen sobre a pista de en que consiste isto de filosofar: a procura das ideas verdadeiras e da sabedoría, traballando coa palabra como ferramenta do pensamento e a través da reflexión e un método crítico.

filosofia (1)

Fai un breve percorrido sobre as orixes e a historia da filosofía, dende o seu nacemento na Grecia en crise do século VI a.C ata a época moderna, pasando pola escuridade medieval onde o ideal de sabio ficou eclipsado polo de santo. Ademais, fálanos doutras culturas (na India, na China) nas que pola mesma época agromaron movementos semellantes de reflexión e análise sobre o home a natureza das cousas.

O salientable de todo isto e que pensamentos tan antigos seguen a ter vixencia hoxe en día, xa que non teñen relación coa actualidade inmediata senón coa actitude do home ante a súa propia existencia.

Para rematar, o autor explícanos as distintas ramas da filosofía: a metafísica, a lóxica, a psicoloxía e a filosofía moral e política. Algunhas delas acadaron tal grado de desenvolvemento que, nalgúns casos pasaron a outras áreas do coñecemento, como a lóxica que se integrou na matemática, ou ben adquiriron entidade propia, como a psicoloxía.

Convídovos a iniciar esta lectura cunha última cita:

“En el fondo la filosofía permite toda clase de aventuras, periplos y trayectos.
A su manera, es una actividad que nos invita a viajar.
¡Ahora te toca a tí trazar tu camino!”

Outras obras do mesmo autor: La religión explicada a mi hija, Vivir hoy : con Sócrates, Epicuro, Séneca y todos los demás e Occidente explicado a todo el mundo.